Friday 17 de May de 2024

Inés Rey: “O que fai case dúas décadas era un privilexio reservado para uns poucos, converteuse na Coruña nunha oportunidade aberta a todas e todos os estudantes da cidade”


A alcaldesa recibiu hoxe en María Pita aos 36 alumnos coruñeses que cursarán o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá

Un total de 36 mozos e mozas da Coruña cursarán primeiro de Bacharelato en centros educativos de Canadá grazas ao programa municipal de Bolsas Norteamérica 2023-2024. A alcaldesa, Inés Rey, xunto co concelleiro de Educación e Emprego, recibiu esta mañá no Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita ao alumnado, que nos próximos días se desplazará a diversas cidades anglófonas de Canadá para iniciar o curso.

Rey puxo en valor a creación do programa municipal, posto en marcha no ano 2004, como iniciativa pioneira no estudo de linguas extranxeiras. “O que fai case dúas décadas era un privilexio reservado para uns poucos converteuse na Coruña nunha oportunidade aberta a todas e todos os estudantes da cidade”, indicou a alcaldesa.

Desde entón, máis de 800 mozas e mozos coruñeses tiveron a oportunidade de estudar o seu primeiro ano de Bacharelato en Centros Educativos de fala inglesa. Primeiro en Norteamérica, concretamente nos Estados Unidos, e desde o pasado curso tamén en Canadá. As bolsas Norteamérica súmanse a outras iniciativas educativas municipais como o programa ‘Idiomas do mundo’ ou as bolsas ‘Acoreuropa’ que teñen como obxectivo a mobilidade dos mozos e mozas da Coruña ao extranxeiro. O programa, que nesta edición contou cun investimento de 650.000 euros, volverá a ter Norteamérica como destino no vindeiro curso 2024-2025.

A alcaldesa animou aos mozos e mozas a gozar da estadía e trasladoulles ás familias tranquilidade de cara ao desenvolvemento do curso. “Esa ilusión, que ás veces se ve tinguida de nervios e medo, de seguida será un motivo de orgullo para as vosas familias” explicou a alcaldesa. O alumnado foi obsequiado cun suadoiro co lema ‘True north adventure’ e o libro “Las diez mil hijas de Irene: Cien años de fútbol femenino en Galicia” de Alexandre Centeno, que contou coa colaboración do Concello da Coruña na súa edición.

O programa municipal, ao detalle

Este programa municipal de bolsas abrangue dúas modalidades: unha, de carácter total, orientada a familias que non superan os 9.000 euros anuais de renda per cápita; e outra, de carácter parcial, para familias que si exceden dita cifra, polo que o Concello asume, nestes casos, un máximo do 95 % e un mínimo do 5 % do custo total das prazas, en función da renda familiar.

O obxectivo é que as alumnas e alumnos participantes, que cursarán o grao 11 en Canadá e os Estados Unidos, equivalente ao 1º de Bacharelato, adquiran un dominio avanzado da lingua inglesa e un coñecemento real da cultura no país de acollida.

A estadía dos estudantes coruñeses que obtiveron praza das Bolsas Norteamérica 2023-24 comezará este mes de agosto e rematará en xuño do vindeiro ano, incluíndo as vacacións escolares de Nadal e a Semana Santa.